lunes, julio 10, 2006

crítica de Oscar Losada para o jornal gallego "La Opinión"


"La Opinión"
Lunes, 12 de junio de 2006

‘Aulanalua’ é o novo álbum editado
polo artista brasileiro Leo Minax

Este é o cuarto traballo do artista brasileiro, asentado en Madrid. O cantante e compositor sinala que esta é a obra “que quería facer desde hai moito tempo”

Entre as voces que colaboran conta co galego Iván Ferreiro, Moska e Javier Álvarez

Óscar Losada
A CORUÑA




O novo traballo discográfico de Leo Minax volve amosar o potencial artístico deste autor, que leva anos apuntando xa moi boas maneiras coas súas anteriores obras. Minax reside en Madrid e resulta unha mágoa que non sexa un músico máis coñecido porque as composicións que vai deixando no camiño merecen atención, especialmente para os amantes que existen en Galicia da música con raíz brasileira. Sería conveniente
que algún dos programadores musicais apostase xa por traer á nosa terra a este músico creativo. Alguén que fai pezas tan fermosas como Com a cabeça no luar ou Aula na lua, ás que rodea de varios bos temas, debe obter o recoñecemento do público.
O enrevesado e cacofónico título do álbum débese a un palíndromo, esas palabras que se len igual nun sentido que noutro. “Resulta como unha palabra que se vise nun espello e eu tamén estou nesta obra na lúa ollando para a terra, como se fose mesmamente un espello”, sinala Minax.

Para o brasileiro, a música que compón debe ter unha conexión
cóa súa infancia, “senón, para min, resulta difícil ser músico”.
Nesta obra paira sobre algunha letra o sanguiñento atentado
terrorista do 11 de marzo na capital de España. O brasileiro afirma que pensa continuar escribindo letras propias, aínda que tamén siga botando man doutros autores, tal como acontece neste álbum.

O artista declara que nesta obra mesturou diversas influencias
musicais, e os ouvintes poden atoparse sinais de rock, pop,
música brasileira de raíz e ata detalles cualificados como experimentais. “Este é o disco que quería facer desde hai tempo. É no álbum no que me impliquei dun xeito máis verdadeiro e véxome máis sereno como persoa que nos
anteriores traballos”.

Aínda que falamos dun solista, a contribución da banda que o acompaña, formada por tres músicos, resulta fundamental e, sobre todo, pola forma de encarar o traballo.
“Coa banda sinto que transitamos por diversa rexións, pero que Leo Minax segue intacto. Este disco foi feito a través de situacións xeradas no estudo de gravación, construíndo os temas co que cada un ten que dar á peza. Por moito que estea ensaiada unha canción, sempre aparecen camiños alternativos e iso foi que exploramos nesta obra”, manifesta Minax.

O labor do produtor para acadar estes resultados, manifesta que foi vital a contribución do produtor Suso Saiz, que xa fixera o mesmo labor no disco anterior. “Ás veces semellaba que non pasaba nada no estudo, pero era a situación que Suso quería paraque se provocara unha reacción e unha contribución verdadeira aos temas de cada un dos músicos. Soubo encamiñar perfectamente a produción para lograr ese efecto. O disco anterior fixémolo practicamente entre os dous, pero nesta ocasión era fundamental contarcon esa axuda descrita”.

Pola súa banda, Saiz salienta que existiu moita controversia musical entre os participantes, “pero coa idea na mente de chegar todos ao mellor lugar para servir ao disco. Existen artistas que só aceptan unha imaxe súa e van con ese estereotipo a morte, mais Leo asume que está vivo e gústalle traballar dese xeito”.

Entre as colaboracións do disco atopamos ao galego Iván Ferreiro, do grupo Los Piratas, ao brasileiro Moska, que vén de editar hai pouco un disco no mercado español, e o cantautor Javier Álvarez. Tamén aparece, de xeito case clandestino, a voz de Arnaldo Antunes na canción que dá título ao disco.